A Xunta non autoriza o proxecto mineiro de Corcoesto
A Consellería de Economía e Industria vén de manter hoxe un encontro con representantes da empresa mineira de Corcoesto no que se lles trasladou que a administración non autoriza o proxecto mineiro de non cumprir as máximas garantías de viabilidade técnica e económica. Comunicouse á compañía que, trala análise levada a cabo polos técnicos da Consellería, considérase que o proxecto mineiro non cumpre cos requirimentos técnicos e económicos esixidos, polo que a empresa deberá acreditar as garantías necesarias para asegurar a viabilidade e a solvencia do proxecto.
En concreto, a Consellería de Economía e Industria solicitou á empresa que acredite unha solvencia mínima do 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto e un compromiso en firme do resto do financiamento, así como a documentación que acredite a capacidade técnica da empresa para desenvolvelo. De non cumprimentarse axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa tramitación deste.
O Goberno galego mantén a súa aposta por unha minería comprometida co país, innovadora e sustentable, impulsando o aproveitamento responsable dos importantes recursos minerais cos que conta Galicia e o desenvolvemento sostible dun sector que emprega a máis de 7.000 persoas na comunidade e que supón máis do 1,2% do PIB galego.
Cada proxecto está a ser estudado pormenorizadamente, seguindo rigorosamente a normativa, e só se autorizarán aqueles que favorezan o desenvolvemento económico e o benestar dos galegos, sempre que garantan a súa viabilidade ambiental, económica e técnica.(http://ow.ly/1YVKqi)
Unha das principais razóns para este cambio de posición é esta petición en Change.org e o rexeitamento social que esta iniciativa creou.