Beatriz Figueroa: e fíxose camiño ao loitar. Seguinte parada: Valedor do Pobo.

Avogados_Novos
12 Marzo, 2015
   A nosa compañeira Beatriz Figueroa, membro de Avogados Novos de Vigo, convídanos a rolda de prensa que se vai celebrar este venres 13 de marzo ás 20:15 no Hotel Junquera, entreplanta, Rúa Uruguay 19-21 de Vigo,  co obxectode dar a coñecer o informe do Valedor do Pobo, favorable a súa queixa sobrea situación laboral e asistencial dos enfermos do cancro.

  Ó longo destes meses, Beatriz leva defendendo ante os medios, institucións e xulgados a necesidade de protección dos enfermos en situación de tratamentos de longa duración que ven diminuída totalmente a súa capacidade laboral e que, no suposto de ser despedidos e non ter dereito, ou esgotar durante o proceso, a correspondente prestación de desemprego, pasan a cobrar o 80 % do Iprem (426 €). Esta cantidade é totalmente insuficiente para poder afrontar os custes básicos da vida tomando en conta que presentan unha forte limitación física e psíquica causada pola súa enfermidade que lles impide prestar servizos en todo tipo de profesións.

   Nestes casos non se lles recoñece unha situación de incapacidade permanente ate que non esgoten o período máximo de Incapacidade Temporal de 18 meses; por estar seguindo un tratamento médico e non ser as limitación de carácter permanente.

   A diferenza é que a pensión mínima, por falta de recursos económicos, dunha incapacidade absoluta oscila (segundo se ten cónxuxe a cargo ou non) entre un máximo de 782,90 € e un mínimo de 601,90 € .

   Por último tamén pide a compañeira que se alguén coñece casos similares os poña no seu coñecemento para poder incluílos na seguinte queixa que vai presentar en Madrid ante a “defensora del pueblo”. Esta é a dirección do seu mail: beatriz.m.figueroa@gmail.com.

Axuntamos a queixa presentada.