II XORNADA DE DEREITO PENITENCIARIO (11/12/15)

 cartel II Penitenciario

 Dende o grupo de traballo de Dereitos Humanos, Estranxeiría e Penitenciario da nosa agrupación, tratamos de divulgar a defensa dos dereitos humanos en xeral, a través de diferentes actividades formativas e críticas para xerar debate e reflexión, traballando, cando é posible, en colaboración con outras organizacións e colectivos sociais. Amais, centrámonos na denuncia das vulneracións de dereitos humanos que podemos abranguer, tanto no ámbito local, público como privado. Entendemos que, como avogadas e avogados, somos actores privilexiados para intervir no mundo xurídico e social, contribuíndo a unha administración de xustiza e unha administración da pena respectuosas coa dignidade humana, e denunciando os casos de violación dos dereitos humanos dentro e fóra das Institucións.

   

A pena privativa de liberdade é interpretada socialmente como unha solución ante determinadas condutas censurábeis sen atención as causas que provocan tales condutas. Poren, desde calquera saber do ámbito xurídico-social, está demostrado que a pena privativa de liberdade, non só non reduce o delito, nin fai unha labor reeducadora nin de reinserción social, senón que produce consecuencias dificilmente reparábeisn a persoa que pasa por prisión. Por outro lado, non existe unha “política preventiva do delito” xa que os recursos do Estado non se centran en eliminar as desigualdades sociais, causantes do 90% das penas privativas de liberdade, senón que van destinados a unha política amplamente incriminatoria, centrándose no tratamento penitenciario e post-penitenciario das persoas que delinquen.

   Considerando esta reflexión como punto de partida, nas xornadas trataremos a problemática do traballo e a sanidade en prisión, os dereitos sociais distorsionados ou inexistentes para as persoas presas, que se suman á pena privativa de liberdade. E por suposto, entendemos que é necesario traer ao debate unha perspectiva de xénero, para comprender os mecanismos que permiten manter a primacía cultural dos valores androcéntricos tanto na sociedade como no Dereito. Desde este lugar iniciamos a reflexión sobre as penas privativas de liberdade nas mulleres, o seu acceso á saúde, a familia, as relacións sexuais ou a maternidade.

INFORMACIÓN E INSCRICIÓN