8M COMUNICADO
No día de hoxe, xoves 8 de marzo de 2018, desde a Agrupación de Avogados Novos de Vigo queremos manifestar o noso compromiso coa igualdade entre homes e mulleres e a total repulsa a calquera tipo de discriminación directa ou indirecta, grande ou pequena, visible ou invisible, e que teña a súa orixe no sexo ou xénero dunha persoa.
Por iso, facemos nosas as reivindicacións que neste día sinalado se están a facer desde as diversas organizacións feministas. Este apoio, ademais, non é soamente formal ou teórico, senón que o noso colectivo estará presente na manifestación convocada para as 20:00 horas cunha pancarta coa seguinte lenda: “A Avogacía Nova é feminista. Non ás violencias machistas”.
Así mesmo, queremos aproveitar este día para denunciar que no exercicio da avogacía as mulleres tamén sofren situacións de discriminación sinxelamente polo feito de ser muller. E así o demostra o estudo realizado por Metroscopia para o Consejo de la Abogacía Española (CGAE), no que se conclúe que “la situación actual en términos de igualdad de género dista mucho aún de ser la situación ideal”.
Segundo este estudio, estas actuacións discriminatorias revélanse tanto no trato recibido no seu exercicio profesional, como tamén nas dificultades de acceso aos postos de responsabilidades ou nas retribucións do seu traballo.
Como resposta a esta situación, desde Avogados Novos de Vigo, e conxuntamente con as Agrupacións de Avogados Novos de Santiago e Ourense, organizamos I Encontro de Mulleres Profesionais do Sector Xurídico, que terá lugar mañá venres 9 de marzo. Este evento, de carácter eminentemente divulgativo, ten por obxecto debater sobre a situación das mulleres profesionais nos diversos ámbitos do Dereito, dende a Universidade ata o exercicio profesional e pasando pola xudicatura, intentando acadar respostas, solucións e aportar propostas para acabar dunha vez por todas coa discriminación das mulleres tamén no eido profesional.
Avogados Novos de Vigo
Vigo, 8 de marzo de 2018