Comunicado 25-N
Este ano dende Avogados Novos saímos a rúa o 25 de novembro contra a opresión e violencias sobre as mulleres, todo tipo de violencias (visibles e invisibles) que se atopan arraigadas e normalizadas na sociedade e se constrúen e reproducen en todos os ámbitos das nosas vidas, tanto no privado coma no público, no traballo produtivo e reprodutivo, nos nosos espazos de ocio, na linguaxe, na publicidade, no humor… ideas, actitudes, xestos que atentan contra a autonomía das mulleres e perpetúa a desigualdade actual.
Vemos necesario rachar con todas as formas de opresión que se trasladan na desigualdade económica, social e cultural e que teñen a súa orixe na organización social do patriarcado, onde existe unha posición de superioridade dos homes sobre as mulleres no acceso e uso dos recursos, e seguen ostentando maioritariamente os postos decisorios
É preciso condenar calquera discurso que negue ou xustifique a violencia contra as mulleres, e responsabilizar aos autores por tales mensaxes reprobables. A negación da violencia machista supón ser partícipes dun sistema inxusto e discriminatorio, que coloca as mulleres nunha situación de dominación, explotación e violencia, e normaliza as relacións estruturais de desigualdade.
A data 4 de Novembro, segundo datos da Secretaría de Estado de Igualdade, 51 mulleres foron asasinadas durante o 2019 á mans das súas parellas ou exparellas, 3 crianzas foron vítimas mortais en casos de violencia contra a súa nai, e 48 nenos e nenas quedaron orfos/as a consecuencia destes delitos. Desde o 2003, as vítimas mortais contabilizadas por violencia de xénero é de 1.027 mulleres. 1.027 mulleres foron asasinadas polos seus (ex)maridos e (ex)mozos. É un problema de Estado e como tal debe tratarse.
Para combatelo fai falta medios, moitos medios, a todos os niveis na Administración (educación, sanidade, xustiza, emprego, etc). Porén, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero segue sen ter a súa dotación económica, e a maioría das medidas recollidas non puideron ser implementadas.
No ámbito da nosa localidade, denunciamos a falta de medios e a precariedade na que se atopa o Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, o cal vulnera os dereitos das vítimas e dificulta un traballo efectivo na súa protección, que da lugar á revictimización e, moitas veces, á disuasión da presentación de denuncias por parte das mulleres vítimas. No xulgado de Vigo faltan salas que respeten a intimidade das vítimas e a confidencialidade do seu procedemento (entre outras vítimas que esperan). As instalacións actuais son ineficaces para evitar o encontro entre vítima e agresor. Faltan medios para reducir os tempos de espera.
A saturación do Xulgado é unha evidencia manifesta, que non da abasto coas competencias de instrución e está absolutamente desbordado coas competencias civiles, cos procesos de familia que veñen derivados das denuncias. É imprescindible a creación dun Segundo Xulgado de Violencia que reforce a actividade xudicial nesta materia para respetar os dereitos das vítimas, garantir a súa seguridade e das súas crianzas, e poder dar unha resposta institucional o máis axeitada posíbel.
E falta formación na perspectiva de xénero en todos os operadores xurídicos, e en todo o procedemento xudicial, non soamente na instrución, senón tamén nos xulgados penais.
Queremos trasladar a nosa repulsa ao acontecido na madrugada do 10 de novembro no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, e a nosa preocupación pola falta de medidas de seguridade tanto na entrada dos mesmo como no acceso aos expedientes xudiciais, situación que complica mais o traballo do Xulgado e causa unha sensación de total desprotección das vítimas e unha maior desconfianza no sistema xudicial.
Sobran motivos para saír a rúa e seguir loitando día a día no cotián, por cambios reais e estruturais que removan todos os obstáculos para conseguir unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
Vémonos na rúa este 25N, porque querémonos vivas e libres.
Avogacía Nova viguesa